1. Teoría celular
A teoría celular é un dos fundamentos da bioloxía moderna; describe a célula como a unidade básica da vida e explica a estrutura, función, orixe e herdanza dos seres vivos. Constitúe a base conceptual de todas as ciencias biolóxicas e nace grazas á progresión no método científico e aos avances en microscopía dos séculos XVII–XIX.
1.1. Historia da teoría celular
- Robert Hooke (1665): descubre e nomea as “células” ao observar o cortiza.
- Leeuwenhoek (1674): observa células vivas por primeira vez.
- Schleiden (1838): botánico que postulou que cada elemento da estrutura de todas as plantas está formado por células.
- Schwann (1839): postulou que todos os tecidos animais están formados por células.
- Virchow (1855): demostrou que as células proviñan doutra preexistente (Omnis cellula e cellula).
Estas conclusións confirman que todos os seres vivos están constituídos por células e que son a unidade mínima de vida.
- Santiago Ramón y Cajal (1902): enuncia a teoría neuronal ao observar neuronas individuais e independentes, convertendo a teoría celular en universal e refutando a teoría reticular (que sostiña que o sistema nervioso era unha rede de fibras).
- Bioloxía molecular (s. XX): engádese o postulado xenético á teoría.
1.2. Postulados
- Unidade estrutural: todos os seres vivos están formados por unha ou máis células.
- Unidade funcional: unha célula é capaz de realizar por si mesma as tres funcións vitais: nutrición, relación e reprodución. Todas as reaccións metabólicas prodúcense dentro dela.
- Unidade de orixe: toda célula procede doutra célula preexistente. Non hai unha unidade máis simple.
- Unidade xenética: contén toda a información hereditaria necesaria para o seu desenvolvemento. Todas as células dun organismo conteñen esa mesma información hereditaria.
2. Estudo das células
Foi necesaria a creación dun instrumento, o microscopio, para poder descubrilas e observalas por primeira vez debido ao seu pequeno tamaño.
2.1. Primeiros microscopios e achados
- Janssen: posible inventor do primeiro microscopio composto. Puido ser un simple tubo de lentes convexas e aumentos próximos aos 10x.
- Leeuwenhoek: microscopios simples de gran calidade artesanal, con lentes biconvexas nunha placa de latón de ata 200x. É o primeiro en observar microorganismos (bacterias, protozoos, glóbulos vermellos e espermatozoides).
- Hooke: autor de Micrographia, que recolle as súas observacións co uso do microscopio composto de 30x. Introduce o termo “célula” ao observar unha lámina de cortiza.
- Brown: descubre e nomea o núcleo celular en plantas ao observalo nas células de orquídeas.
2.2. Microscopios modernos
1. Microscopios ópticos
- Evolucionan dos primeiros microscopios: ata 1500x con boa resolución.
- Permiten observar mostras vivas, células completas, estruturas celulares grandes, substancias na célula e movemento celular.
- Usan luz visible e técnicas como tinguiduras ou fluorescencia.
- Empregados en citoloxía, histoloxía, microbioloxía e diagnóstico clínico (infeccións/cancro).
2. Microscopios electrónicos
- Utilizan electróns con lentes electromagnéticas en vez de luz visible.
- Conseguen ata un millón de aumentos.
- Permiten observar estruturas internas con gran detalle, pero non permiten observar células vivas (as mostras deben ser fixadas, deshidratadas e ultraconxeladas).
- Existen dous tipos principais:
- MET (de transmisión): os electróns atravesan a mostra superfina de cortes celulares, permitindo visualizar estruturas internas de orgánulos e biomoléculas.
- MEV (de varrido): os electróns rebotan na superficie da mostra, permitindo visualizar superficies celulares e orgánulos con imaxes tridimensionais.
3. Organización celular
Todas as células teñen:
- Membrana plasmática: dobre capa lipídica e proteica que separa o interior da célula do exterior sen illalo.
- Citoplasma: medio líquido e viscoso que enche o interior celular, onde se encontran os orgánulos.
- Material xenético: moléculas de ADN que codifican as características e dirixen as actividades celulares.
Distinguimos dous tipos de células segundo a súa organización: procariotas e eucariotas.
3.1. Células procariotas
Propias dos dominios Archaea e Bacteria. Caracterízanse porque nela non existen membranas internas que compartimenten o seu citoplasma nin protexan o seu ADN en forma de núcleo.
1. Compoñentes externos
- Cápsula: capa viscosa externa que evita o desecamento e axuda á adhesión.
- Parede bacteriana: con peptidoglicano; mantén a forma e evita a ruptura osmótica.
- Membrana plasmática: sen colesterol; nela ánclase o material xenético e realízanse funcións metabólicas (respiración celular, quimiosíntese).
2. Compoñentes internos
- Citoplasma: xel acuoso sen orgánulos membranosos.
- Ribosomas 70S: responsables da síntese de proteínas, de menor tamaño que os eucariotas.
- ADN: cromosoma circular no nucleoide. Tamén poden existir plásmidos (ADN accesorio).
3. Mobilidade e adhesións
- Flaxelos: para o movemento celular.
- Pili e fimbrias: para a adhesión e o intercambio de ADN (conxugación).
3.2. Células eucariotas
Presentes en protistas, fungos, plantas e animais. Teñen membranas internas, orgánulos especializados e ADN protexido no núcleo.
1. Tipos principais
- Células animais (heterótrofas): sen parede celular nin cloroplastos. Teñen centrosoma, cilios e flaxelos.
- Células vexetais (autótrofas): con cloroplastos, parede celular de celulosa e grandes vacúolos.
2. Compoñentes comúns
- Núcleo: con dobre membrana, nucleoplasma, cromatina e nucléolo.
- Citoesqueleto: rede de filamentos proteicos que dá forma á célula.
- Ribosomas: síntese de proteínas.
- Retículo endoplasmático (RE): rugoso (síntese de proteínas) e liso (síntese de lípidos).
- Aparato de Golgi: modifica e empaqueta substancias en vesículas.
- Mitocondrias: responsables da respiración celular para obter enerxía (ATP).
4. Membrana plasmática
A membrana plasmática é a envoltura que separa a célula do medio extracelular. Está composta por lípidos (estrutura), proteínas (función) e glícidos (recoñecemento).
4.1. Composición
- Lípidos: destacan os fosfolípidos (moléculas anfipáticas que forman a bicapa) e o colesterol (que aporta estabilidade e controla a fluidez).
- Proteínas: poden ser integrais ou periféricas. Actúan como canles, transportadores, receptores ou enzimas.
- Glícidos: forman o glicocálix na cara externa, clave para o recoñecemento celular.
4.2. Estrutura
O modelo actual é o do mosaico fluído (Singer e Nicolson, 1972). A membrana é asimétrica, dinámica e a súa fluidez depende da temperatura e da composición de lípidos.
4.3. Funcións
- Regulación do intercambio: grazas á súa permeabilidade selectiva.
- Comunicación: mediante receptores de sinais (hormonas, neurotransmisores).
- Recoñecemento celular: fundamental para a defensa e o crecemento.
4.4. Diferenciacións e unións
- Unións GAP: canles que conectan citoplasmas para o intercambio rápido de ións.
- Plasmodesmos: unións comunicantes exclusivas de células vexetais.
5. Transporte a través da membrana
5.1. Transporte pasivo (Difusión)
Realízase a favor do gradiente de concentración e sen gasto de enerxía (ATP).
- Difusión simple: para moléculas pequenas e liposolubles (O₂, CO₂).
- Difusión facilitada: a través de proteínas canle ou proteínas transportadoras para moléculas polares ou ións.
5.2. Transporte activo
Realízase en contra do gradiente de concentración e require ATP.
- Primario: uso directo de ATP, como a bomba Na⁺/K⁺.
- Secundario (Cotransporte): usa o gradiente creado polo transporte primario (simporte e antiporte).
5.3. Transporte de macromoléculas
- Endocitose: entrada de material mediante vesículas (pinocitose para líquidos e fagocitose para sólidos).
- Exocitose: expulsión de contido ao exterior mediante a fusión de vesículas coa membrana.
- Transcitose: transporte de macromoléculas a través de toda a célula.
6. Envolturas celulares
6.1. Matriz extracelular (MEC) e glicocálix
- MEC: rede de proteínas como o coláxeno (resistencia) e a elastina (elasticidade), xunto con polisacáridos.
- Glicocálix: conxunto de glícidos na cara externa da membrana, esencial para a protección e o recoñecemento.
6.2. Parede celular
- Vexetal: composta por celulosa. Ten unha parede primaria (flexible) e unha secundaria (ríxida con lignina).
- Fungos: composta de quitina.
- Bacterias: composta de peptidoglicano.
As súas funcións principais son a protección mecánica, o mantemento da forma (función esquelética) e a defensa contra presións osmóticas.
